Se xa liches A Esmorga e viches a película, agora tamén podes seguir os pasos do Cibrán, o Bocas e o Milhomes polas rúas de Ourense, da man da nosa App rutea (Android). Xa podes descargar gratis o roteiro polo Casco Vello da cidade, e percorrer os escearios que Eduardo Blanco Amor elexiu para ambientar a súa obra.
Ourense entrou na literatura do século XIII de man de Afonso X “O Sabio“ cando fala nun poema do “boo viño d‘Ourens“. A finais do s. XIX e primeiras décadas do XX, autores coma Valentín Lamas Carbajal, Vicente Risco ou Otero Pedrayo fan desta cidade, cos seus relatos urbanos, o berce na narrativa galega contemporánea. Pero será, en 1959 cando Eduardo Blanco Amor, desde a emigración americana, sitúe a historia tráxica e decadente do Cibrán, o Bocas e o Milhomes en espazos marxinais e sórdidos dun Ourense recreado a través da néboa do tempo e da lembranza – a súa Auria literaria- e fai desta, para sempre, a cidade d‘ A Esmorga.
No ano 1995 uns amantes da obra de Blanco Amor, do Clube Alexandre Bóveda, -Marcos Valcárcel e Afonso Vázquez-Monxardín- coa colaboración do pintor Manolo Figueiras e os ceramistas Xesús Costas e Xoán Torres deseñaron un roteiro que percorre algúns dos recunchos onde transcorre a acción da obra. Desde aquela data este roteiro vén sendo punto de encontro de amantes da literatura e historia que veñen de toda Galicia a facer o pecorrido.
Nós propoñémolles unha visita autoguiada por ese roteiro, vendo as placas, lembrando no camiño algúns fragmentos do libro, saboreando a súa lingua arcaica e complexa, e comentando a historia dos lugares recreados nos que suceden as cousas.
Unha boa escusa sen dúbida, para dar unha volta, pousada e tranquila, e coñecer algo máis da vella Auria e da súa literatura.
Agradecemos a Afonso Vázquez-Monxardín, un dos impulsores do roteiro orixinal, a súa colaboración na composición dos textos que se inclúen neste percorrido. Un privilexio contar co seu profundo coñecemento da obra, do autor e da historia da cidade de Ourense.
1.- A Taberna da Tía Esquilacha
«Ao chegar perto do Posío, entramos na taberna da Tía Esquilacha, onde pararan tamén os tratantes… Arrecendía ós chourizos asados e ó viño novo, que xa se vía boa chispa con só ollarlle as burbullas a desgaxarse en canto caía nas cuncas…«.
A Esmorga é a historia dun home atrapado polo destino que o conduce, case inexorablemente, á desgraza. Comeza a acción cando Cibrán, un dos protagonistas e narrador da historia, deixa a lentura dun modesto fogar marxinal e vai ó traballo na construción dunha estrada. O frío, a chuvia e un desafortunado encontro con dous amigos esmorgantes que andaban fuxidos dunha terrible pelexa, O Bocas e o Milhomes, farán que dirixa os seus pasos, incialmente, á taberna da Tía Esquilacha, preto do Xardín do Posío.
2.- As Burgas
«Conque seguía a caír aquela chuvia acoriscada que facía máis mesto o bafo a se soerguer da auga quente do lavadoiro grande da Burga, e o aer avolto co cheiro a bravú da roupa e do xabrón, e tamén do esterco que, con permiso da súa cara, baleiraban as tripeiras ó limpar os callos na pía de embaixo, onte tamén despenaban os pitos e as galiñas«.
Na época d‘A Esmorga, ademáis do uso termal e medicinal, as aguas quentes das Burgas eran empregadas para outros usos máis cotiáns. Así, era aproveitada polas lavandeiras para limpar a roupa, polos curtidores para traballar o coiro ou polas mulleres para escaldar e desplumar as pitas… Incluso chegouse a proxectar un sistema de calefacción para as casas coa auga quente das Burgas, pero nunca se chegou a usar de forma xeral.
3.- Fonte de San Cosme
«Ó pasar pola Porta de Aire, adevecimos de envexa ollando pras tabernas cheias de xente, pro non nos atrevimos a entrare. O Bocas era o que máis se coidaba de que non o visen, e ía, azorrado e múo, ás alancadas se decirnos pra onde. Na fonte de San Cosme bebimos a morro uns grandes grolos de auga da pía, que nos fixo baleirar, de alí a pouco, canto tiñamos dentro«.
Os esmorgantes, fuxindo do incendio do Pazo do Castelo, entraron na zona vella de Ourense, pasando pola Praza de San Cosme. Alí recuperaron os folgos perdidos trala fuxida e comezaron a debater sobre a dirección na que irían, «pois non era cousa de andar daquel xeito toda a noite co frío que facía«. Tentaron entrar nun prostíbulo, a Casa da Monfortina, pero non os admitiron. Despois dunha liorta coas prostitutas que non os deixaban entrar, tiveron que voltar a fuxir, continuando o seu deambular pola cidade.
4.- Pena Vixía
«Saímos alandillando porque xa o Fermín e o Sardiña se nos viñan enriba. Ó chegar ó calexón da Pena Vixía, o Bocas ordeou: Temos que nos asoparar. Se nos ven ós tres xuntos, vanse deprocatar que somos nós. Liscade cada un pola súa beira. Dentro de un instantiño xuntámonos na Casa da Nonó… Non vos demoredes«.
O nome de Pena Vixía (Penam vigiliam, nos documentos latinos) relacionase cunha torre de de vixilancia na parte alta da poboación romana e que sería unha das construcións máis antigas da vella civitas de Ourense. Segundo algúns documentos, parece que resistiu en pé ata os primeiros anos do s.XVI. en que se construiría nese lugar, a casa dos Cadórniga.
5.- Praza do Correxedor
«Cando paramos de correr, aló pola praza do Correxidor, ouvíronse no reló da catedral as badaladas de meia noite. Tiramos pra arriba con intención de meternos na casa do Milhomes, que vivía na rúa de Crebacús«
O nome da Praza procede da moradía dos Correxedores que desde o tempo dos Reis Católicos son enviados á cidade. Tratábase de funcionarios ás ordes do Rei, e que tiñan encargadas tarefas moi variadas, todas elas dirixidas a vixiar que na cidade se cumprisen os mandatos da Coroa: xestionar o cobro de impostos, presidir as reunións do concello, administrar xustiza, evitar a delincuencia e incluso decidir os prezos das mercadorías coas que se comerciaba na cidade.
6.- Casa Natal de Blanco Amor
Vemos a casa na que nacía, en 1897, o autor da obra, Eduardo Blanco Amor, no número 17 da Rúa de Lepanto, case por fronte a onde Valentín Lamas Carbajal tivera a redacción de O tío Marcos da Portela, o primeiro xornal en lingua galega. Antes fora a Rúa da Obra, por ser o lugar de traballo da pedra para a construción da Catedral nos tempos medievais.
7.- Fonte do Rei
«Conque fúmonos deixando ir… i o chegar frente ó adral da eirexa de Santa Eufemia, vimos que estaba aberta e metimonos nela coma ratos… logo que saímos da eirexa, parámonos un anaquiño a ceibarnos daquela risa que nos abafaba, e logo fumos dare á Fonte do Rei onde mexamos na pía, con licencia de vostede«
A Fonte do Rei case pasa desapercibida hoxe en día, xa que se atopa fora de uso e integrada na fachada dunha cafetaría. Porén, outrora foi un lugar moi frecuentado pola xente da zona, que viña a buscar auga para as súas tarefas cotiás. En orixe tiña tres canos e unha pía, pero na actualidad só conserva un dos canos, xunto co antigo Escudo Real da cidade de Ourense.
8.- Praza Maior
«Conque ó chegar perto da Praza Maior, oíronse as tres da mañá, no reló da Catredal. A xiada estraba as rúas e mais os tellados, que todo somellaba vidro polo moito luar«.
Na Praza Maior temos a penútima parada. Achegámonos cada vez máis á parte final de obra, inmersos nunha espiral de despropósitos… Unha vez perdidos todos os cartos, e ante a insistencia do Bocas, os tres homes colleron de novo cara a Casa dos Andrada para ver á muller. De camiño pasaron por esta praza.
9.- A Alameda
«Cando pasamos pola Lameda aínda se vía o relustro do lume do pazo, que me desacougou moito velo, pois xa me tivera esquecido… Co aquelo volveume un grande acoramente e viñéronme as ganas de me apartare dos compañeiros e facer non sei qué. Pro o Bocas non daba tempo pra cavilar… Boeno, que total xa estabamos metidos no lío e había que tirar pra adiante…«
A Alameda é desde antigo, un lugar propiade pública. Era coñecido nos tempos medievais como Horta do Concello e chegou a haber unha plantación de oliveiras. Nun dos seus extremos, onde hoxe está o edificio de Correos, houbo desde o s.XVI aos inicios do XX o Hospital central da cidade, baixo a advocación de San Roque. Coa apertura da rúa do Progreso, na década de 1830, o terreo quedou dividido en dous. Pouco despois, no ano 1842, o lugar foi acondicionado coma o Parque da Alameda, na súa parte baixa.